Sunday 05 de May de 2024

O Proxecto “Acende o Xacobeo” da Xunta permitirá iluminar a partir de mañá e ata o 25 de decembro a Torre de Hércules o Teatro Jofer e a Igrexa de Santa Columna


 Trenor informou que desde mañá 22 de decembro e ata o 25 de decembro iluminaranse a 3 edificios na Coruña, Ferrol e Rianxo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que dentro do programa “Acende o Xacobeo”, que inclúe a iluminación de 91 monumentos singulares de toda España, mañá 22 de decembro iluminaranse a Torre de Hércules da Coruña, o teatro Jofre de Ferrol e a Igrexa de Santa Columna en Rianxo, ata o 25 de decembro. Posteriormente haberá outras dúas fases entre o 26 e o 28 de decembro e entre o 29 e o 31 de decembro. En total, iluminaranse 14 edificios emblemáticos da provincia coruñesa.
Trátase de monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola provincia, aos que se suman outros 27 monumentos do resto de provincias galegas e 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa.
A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.
Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.
Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra- iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguirá a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realizarase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.
Trenor destacou que esta é unha iniciativa máis dentro do Xacobeo 2021 que comeza nunhas semanas e que suporá unha oportunidade histórica para a reactivación do sector turístico e da economía galega e tamén para proxectar Galicia no exterior, a través dun elemento de referencia tanto a nivel nacional como internacional como é o Camiño de Santiago.

O delegado da Xunta puxo en valor a implicación de todos os concellos galegos nun Xacobeo diferente e descentralizado debido á covid-19 pero o mellor dos Xacobeos posibles, do que asegurou que tódolos turistas e peregrinos que se acheguen a Galicia van poder desfrutar con tódalas garantías grazas a todas as medidas levadas a cabo para contar cun Camiño Seguro.